xoves, 24 de novembro de 2016

Premio Barco de Vapor



O detective de Nullarbor de Antonio Yáñez Casal, con ilustracións de Dani Padrón, acadou o Premio Barco de Vapor e foi publicado por  SM Xerme. 
En primeira persoa, un canguro conta unha investigación, pois si, el é investigador privado e a embaixada de Australia contáctao para facerlle un encargo: os nenos deixaron de durmir, porque os contos van cambiando sen manter as historias, debe indagar a razón e pórlle remedio. Ao final descobre que son as personaxes dos contos os que se rebelan e deciden non aburrirse facendo sempre o mesmo... aínda que as historias que van inventando son tolerías sen ningún valor, que cambian continuamente. Para a investigación, o detective acompañado da súa axudante (unha carracha que se acomoda detrás dunha das súas orellas) conta coa axuda dos bibliotecarios. Vanse movendo polo país, seguindo a peste que se vai estendendo a unha velocidade determinada e eles móvense para diante e para atrás, ata conseguir que unha escritora lles escriba un conto no que o canguro sexa o protagonista e así se poderá saber o que sucede cando cambia o relato. E así acontece: situado nunha aldea do oeste, no tempo dos vaqueiros, convertido o investigador en sherif; unha caixa na que mete un inmenso imán será a solución no enfrontamento cunha banda de delincuentes. Pero o importante é descubrir a razón dos cambios, ese aburrimento... do que terán que dar conta á rapazada e convencelos de que non deben coller carraxe porque cambien os contos, pois fano os personaxes para divertirse. 
O conto vai como un río, ben contado, cunha historia interesante; as ilustracións moi conseguidas e con unha unidade que lle dá estilo propio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario